viernes, 16 de septiembre de 2011

Comunicado do 061 en Marín

COMUNICADO FINAL  DA CONCENTRACIÓN POLA DEFENSA DO SERVIZO DE AMBULANCIAS E DA SANIDADE PÚBLICA

Dende a Xunta de Galiza, levarase a cabo o próximo día 10 de Setembro, a eliminación da ambulancia de Marín correspondente a quenda das 12 horas do horario nocturno, polo que é importante explicar as consecuencias que terán  a eliminación deste servizo básico tanto no propio concello de Marín e as súas parroquias, como nos concellos limítrofes.


A ambulancia de Marín foi axudicada a este concello, tanto polo seu número de habitantes, como tamén pola gran cantidade de parroquias e o esparcemento destas  por todo o municipio. Toda a poboación desta zona, fai unha gran demanda deste servizo que ano tras ano aumenta quedando reflexado no volume de traballo desta ambulancia chegando no último ano 2010 a un total de 2350 urxencias.


Os recortes xa acometidos empeoran un servizo que non cumpre sequera as recomendacións da Organización Mundial da Saúde que aconsella unha ambulancia de "Soporte Vital Básico" por cada 25.000 habitantes.

Esta parece ser a primeira tanda de medidas contra o transporte sanitario utilizando como excusa a crise económica, pois como quedou reflectido no decreto aprobado hai uns meses,  a Xunta de Galicia pretende ademáis:

Proseguir coa supresión de bases do 061 comezando polo turno de noite, como no caso de Marín.
Converter o uso das ambulancias nun servizo de pago, para o que se fixo desaparecer no decreto citado a alusión expresa a que o SERGAS se debe facer cargo desta obriga.

Deixar as ambulancias medicalizadas e as 4x4, de nova creación, sen técnico-axudante.

Facer servicios sanitarios (dialise, por exemplo) nos autobuses do 065, que non están acondicionados nin o persoal formado para esa función.


O municipio de Marín conta cun servizo médico de urxencias ( o PAC da Casa do Mar) operativo as 24 horas do día, no cal a ambulancia da zona fai un servizo fundamental no desenrolo das urxencias dando unha asistencia inmediata ante a demanda deste centro ou incluso trasladando o medico e  o enfermeiro/a  a calquera domicilio onde sexa necesario.

Hai que sinalar que Marín ademais conta cunha gran cantidade de empresas instaladas no seu municipio, como tamén cun porto con gran actividade diaria de tráfico de mercadorías, que conleva un gran risco de accidentes, o cal eleva a carga de traballo soportada por esta ambulancia.


- Ademais de todo isto, a ambulancia de Marín tamén é utilizada pola Central do 061 como ambulancia de apoio nas urxencias tanto nos concellos de Bueu como no de Pontevedra, chegando incluso a desprazarse a outros concellos limítrofes como Vilaboa, Poio, Barro e Pontecaldelas.

Estes desprazamentos a outros concellos, non se fan en  momentos puntuais como poida indicar a Xunta, se non que se veñen repetindo de forma habitual durante todos os meses do ano, chegando a acadar  no ano 2010, unha media de 30 servizos urxentes por mes.


Ademais, ante o gran número  de urxencias da comarca de Morrazo, tamén veñen a efectuar  servizos urxentes nesta zona,  as ambulancias do concello de Pontevedra e Bueu.

No ano 2010 as dúas ambulancias da base de Pontevedra realizaron na zona de Marín unha media de 40 urxencias cada mes.

Ante todo isto, a ambulancia de Marín non só se converte nunha peza clave para manter un servizo básico e fundamental en toda a comarca do  Morrazo, senón que tamén serve de apoio aos  outros concellos limítrofes.

Coa a eliminación desta ambulancia durante 12 horas, a zona que cubre esta unidade veríase gravemente afectada en canto a calidade asistencial ante calquera enfermidade ou accidente que acontecera, xa que o tempo de resposta das outras unidades dispoñibles, tanto en Pontevedra como en Bueu, é sempre maior ao ter que desprazarse dende outro concello, aumentando deste xeito o tempo de espera para os pacientes e accidentados, un tempo que na maioría das urxencias é vital, poñendo en risco deste xeito a propia vida dos pacientes.


A supresión da ambulancia de Marín terá tamén consecuencias negativas tanto para a poboación de Pontevedra como de Bueu, xa que as ambulancias destas zonas ao verse obrigadas a desprazarse a atender as urxencias a Marín deixarían totalmente descubertos os servizos das súas zonas.

 Compre sinalar que só a ambulancia de Pontevedra xa ven realizando ademais as urxencias de oito concellos (Poio, Barro, Vilaboa, Campolameiro, Cotobade, Pontecaldelas, A Lama e Soutomaior). Polo que si ademais se lle engade as 12 horas en que a ambulancia de Marín non estaría dispoñible, veríanse afectados todos estes núcleos de poboación.

Dende aquí  facemos un chamamento a todas as asociacións veciñais pra consituír a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública  de Marín o próximo  día 6 de setembro.


Por todo isto,  cremos que este recorte non se debería levar a cabo, xa que estamos falando xa non solo dos postos de traballo que se verían afectados por esta medida, se non que é un recorte dun servizo necesario e fundamental para o correcto funcionamento e desenvolvemento da atención sanitaria dun gran número de poboación.


Asinado,

José Rosales Barcia

Moción Urxente Relativa á Redución do Servizo de Ambulancias

MOCIÓN URXENTE RELATIVA Á REDUCIÓN DO SERVIZO DE AMBULANCIAS CON BASE NO TERMO MUNICIPAL DE MARÍN

Os/as portavoces dos grupos municipais do PSOE, BNG e, MAR-IN presentan a seguinte moción,  relativa á redución do servizo de ambulancias con base no termo municipal de Marín, para ser tratada pola vía de urxencia no Pleno da Corporación o venres 9 de setembro de 2011:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O termo municipal de Marín deixará de  contar con servizo de ambulancia asistencial durante 24 horas. A partir do día 10 de setembro eliminárase a quenda das 12 horas de horario nocturno.
Esta decisión englobase dentro do chamado “Plan de Mellora” na rede de transporte sanitario urxente que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza está á aplicar.
Compre sinalar que Marín conta con servizo de ambulancia as 24 horas, tanto polo seu número de habitantes, como pola gran cantidade de parroquias esparexidas por todo o municipio. Toda a poboación  fai unha gran demanda deste servizo que ano tras ano aumenta, quedando reflectido no volume de traballo desta ambulancia,  que no ano 2010 chegou a realizar  un total de 2350 urxencias.
Os recortes anunciados pola Xunta de Galiza, empeorarán o servizo que nin  sequera  cumprirá coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde que aconsella unha ambulancia de "Soporte Vital Básico" por cada 25.000 habitantes.

O pasado día 12 de agosto o Pleno da Corporación aprobaba, por unanimidade,  a instancia dos grupos da oposición,  unha moción rexeitando as medidas de recortes no servizo de ambulancias en Marín e reclamando que se mantivese como está na actualidade.
A resposta da Xunta materializouse o día 25 coa presenza do señor director da fundación do 061, José Antonio Iglesias en Marín. Na reunión mantida cos portavoces municipais e a Alcadesa, o señor Iglesias intentounos convencer de que a ambulancia non pertence a Marín  senón a Galicia, e indicou que  a medida de suprimir a ambulancia forma parte dun programa de reorganización da rede de transporte sanitario. A resposta da corporación foi tamén esta vez unánime: queremos un servizo de ambulancia 24 horas.
Toda a Corporación Municipal, traballadores do 061(que levan recollidas máis de 10.000 sinaturas),  sindicatos  e a maioría da cidadanía de Marín apoiaron a concentración, que tivo lugar o día 26 diante do Concello para esixir que a Xunta rectificase a decisión de suprimir a ambulancia.
O último paso nesta escalada de acontecementos foi a reunión mantida entre a  Alcaldesa e a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. O resultado non puido ser peor. A Conselleira mantén a súa decisión e a señora Alcaldesa elude responsabilidades e solicita que “se lle faciliten datos técnicos cada quince días sobre o tempo de resposta do servizo de urxencias que demostren que Marín está sendo atendido pola noite unha vez que se elimine dita ambulancia”. Ao mesmo tempo a señora Alcaldesa anuncia en Xunta de Portavoces, que unha vez que a Consellería do seu mesmo partido, ten tomada a decisión de suprimir a ambulancia de Marín, ela non vai a seguir apoiando ningunha manifestación nin medida en contra desta decisión.
Con esta actitude o Partido Popular de Marín e a señora Alcaldesa  non están a defender os intereses de Marín nin os dereitos da cidadanía, senón os do seu partido.
Manifestamos ademais o total rexeitamento ás medidas tomadas pola Consellería de Sanidade con respecto ao servizo de ambulancias en Marín e aos argumentos esgrimidos para eliminar a quenda nocturna de doce horas.
Polo todo o anteriormente exposto solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción dos  seguintes acordos:
1.- O Pleno da Corporación convocará unha concentración para reclamar da Consellería de Sanidade o mantemento do  servizo de ambulancias durante 24 horas tal e como está na actualidade.
2.- Solicitar a inmediata dimisión da Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, por ser a responsable directa da eliminación  do servizo de  ambulancia de soporte vital básico para Marín.

Os/as portavoces dos grupos municipais  do PSOE,  BNG  e  MAR-IN,



Marín, 6  de setembro de 2011

Concentración 16/09/11

Manifesto 16/09/11

Manifesto en defensa da sanidade pública e do servizo de ambulancias 24 horas en Marín

Veciños e veciñas de Marín e doutras localidades que hoxe nos acompañades,

A Xunta de Galiza ven de reducir o servizo de ambulancia en Marín de 24 a 12 horas. Dende o pasado día 10 só temos ambulancia dende as 10 da mañá ate as  10 da noite.
Esta parece ser a primeira das  medidas contra o transporte sanitario utilizando como escusa a crise económica, pois como quedou reflectido no decreto aprobado hai uns meses,  a Xunta de Galiza pretende seguir coa supresión de bases do 061 comezando pola quenda de noite como no caso de Marín.

As pretensións da Xunta de Galicia, son de facer recortes en materia de transporte, con grave prexuízo para os usuarios na calidade e cantidade de prestación do servizo.
Estes recortes tradúcense en que o servizo de ambulancia pasará a ser de pago, os doentes que necesiten diálise ou rehabilitación trasladaranse en autobuses do 065 sen persoal formado para este traballo, as ambulancias medicalizadas, que hoxe contan con catro asistentes, pasarán a ter tres, as ambulancias sanitarizadas quedarán sen técnico, e, en definitiva Galiza converterase na comunidade máis precaria en transporte sanitario de todo o Estado, porque irá desaparecendo o transporte sanitario universal.



A supresión da ambulancia en Marín implica maior  dificultade de localizar as emerxencias nas parroquias  rural e  un incremento do tempo de resposta. Dende o día 10 dependemos exclusivamente  das ambulancias de Bueu ou de Pontevedra durante 12 horas e estas asisten a Marín sempre e cando non estean atendendo as súas zonas.
Ironicamente esta decisión englobase dentro do chamado “Plan de Mellora” na rede de transporte sanitario urxente que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza está á aplicar, pero os recortes anunciados pola Xunta de Galiza, empeoran o servizo que nin  sequera  cumpre coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde que aconsella unha ambulancia de "Soporte Vital Básico" por cada 25.000 habitantes.
Levamos tempo  asistindo a unha campaña de intoxicación sobre a suposta inestabilidade da sanidade pública co obxectivo de privatizar os sectores máis rendibles. Menten, a sanidade é sostible; en Galiza o problema é o recorte orzamentario da Xunta e a privatización  servizos públicos.
O gasto sanitario en 2010 diminuíu nun 3,3% respecto de 2009 e que no vai de 2011 xa se recortaron os orzamentos en 950 millóns de euros, un 8,6% menos respecto de 2010.
A media de gasto en sanidade no conxunto do Estado é de 1.288 euros por persoa e ano. Non existe ningún tipo de seguro que, coa calidade e a excelencia profesional que temos, sexa capaz de prover asistencia sanitaria por ese prezo.
Canto nos custaría un seguro privado que cubrise todas as continxencias que cobre o sistema público de saúde? Canto diñeiro tería que ter aforrado unha familia na conta bancaria para facer fronte a un problema de enfermidade?. A saúde non ten prezo e a sanidade non é un negocio.
Rexeitamos a actitude da Xunta de Galiza e do señor Feijoó quen, coa desculpa da austeridade está a cargarse a sanidade pública mentres mantén gastos superfluos como os coches oficiais e a publicidade da Xunta.
A Sanidade Pública págase cos nosos impostos  e o Goberno é quen ten que  xestionalos.  Os cidadáns non somos culpables da crise e non renunciaremos a unha atención sanitaria de calidade que nos levou moitos anos e esforzo conseguir.
Todos e todas os hoxe aquí reunidos queremos manifestar:
-         Señora Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas:
-         Rexeitamos  ás medidas tomadas pola Consellería de Sanidade con respecto ao servizo de ambulancias en Marín e os argumentos esgrimidos para eliminar a quenda nocturna de doce horas.
-          Recortar o servizo de ambulancia en Marín durante 12 horas non é mellorar o servizo.
-         Non estamos dispostos a cambiar ambulancia por datosNon estamos dispostos a cambiar ambulancia por datos.
-         A Sanidade non ter que ser rendible, como predican dende a Xunta, senón eficaz, e é imposible que funcione mellor con menos ambulancias que con máis.
-         Nunha administración pública sobra onde aforrar sen ter que deixar a Marín sen ambulancia.-         Non queremos esperar a que pase algo, a ter que enfrontarnos a noticia de que a ambulancia non chegou a tempo, como xa está pasando noutros sitios.
E por último non renunciamos a seguir loitando por unha sanidade pública de calidade e pola permanencia do servizo de ambulancia 24 horas para Marín.
Marín necesita un  servizo de ambulancia as 24 horas, tanto polo seu número de habitantes, como pola gran cantidade de parroquias esparexidas por todo o municipio. Toda a poboación  fai unha gran demanda deste servizo que ano tras ano aumenta, quedando reflectido no volume de traballo desta ambulancia,  que no ano 2010 chegou a realizar  un total de 2350 urxencias.