viernes, 16 de septiembre de 2011

Moción Urxente Relativa á Redución do Servizo de Ambulancias

MOCIÓN URXENTE RELATIVA Á REDUCIÓN DO SERVIZO DE AMBULANCIAS CON BASE NO TERMO MUNICIPAL DE MARÍN

Os/as portavoces dos grupos municipais do PSOE, BNG e, MAR-IN presentan a seguinte moción,  relativa á redución do servizo de ambulancias con base no termo municipal de Marín, para ser tratada pola vía de urxencia no Pleno da Corporación o venres 9 de setembro de 2011:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O termo municipal de Marín deixará de  contar con servizo de ambulancia asistencial durante 24 horas. A partir do día 10 de setembro eliminárase a quenda das 12 horas de horario nocturno.
Esta decisión englobase dentro do chamado “Plan de Mellora” na rede de transporte sanitario urxente que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza está á aplicar.
Compre sinalar que Marín conta con servizo de ambulancia as 24 horas, tanto polo seu número de habitantes, como pola gran cantidade de parroquias esparexidas por todo o municipio. Toda a poboación  fai unha gran demanda deste servizo que ano tras ano aumenta, quedando reflectido no volume de traballo desta ambulancia,  que no ano 2010 chegou a realizar  un total de 2350 urxencias.
Os recortes anunciados pola Xunta de Galiza, empeorarán o servizo que nin  sequera  cumprirá coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde que aconsella unha ambulancia de "Soporte Vital Básico" por cada 25.000 habitantes.

O pasado día 12 de agosto o Pleno da Corporación aprobaba, por unanimidade,  a instancia dos grupos da oposición,  unha moción rexeitando as medidas de recortes no servizo de ambulancias en Marín e reclamando que se mantivese como está na actualidade.
A resposta da Xunta materializouse o día 25 coa presenza do señor director da fundación do 061, José Antonio Iglesias en Marín. Na reunión mantida cos portavoces municipais e a Alcadesa, o señor Iglesias intentounos convencer de que a ambulancia non pertence a Marín  senón a Galicia, e indicou que  a medida de suprimir a ambulancia forma parte dun programa de reorganización da rede de transporte sanitario. A resposta da corporación foi tamén esta vez unánime: queremos un servizo de ambulancia 24 horas.
Toda a Corporación Municipal, traballadores do 061(que levan recollidas máis de 10.000 sinaturas),  sindicatos  e a maioría da cidadanía de Marín apoiaron a concentración, que tivo lugar o día 26 diante do Concello para esixir que a Xunta rectificase a decisión de suprimir a ambulancia.
O último paso nesta escalada de acontecementos foi a reunión mantida entre a  Alcaldesa e a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. O resultado non puido ser peor. A Conselleira mantén a súa decisión e a señora Alcaldesa elude responsabilidades e solicita que “se lle faciliten datos técnicos cada quince días sobre o tempo de resposta do servizo de urxencias que demostren que Marín está sendo atendido pola noite unha vez que se elimine dita ambulancia”. Ao mesmo tempo a señora Alcaldesa anuncia en Xunta de Portavoces, que unha vez que a Consellería do seu mesmo partido, ten tomada a decisión de suprimir a ambulancia de Marín, ela non vai a seguir apoiando ningunha manifestación nin medida en contra desta decisión.
Con esta actitude o Partido Popular de Marín e a señora Alcaldesa  non están a defender os intereses de Marín nin os dereitos da cidadanía, senón os do seu partido.
Manifestamos ademais o total rexeitamento ás medidas tomadas pola Consellería de Sanidade con respecto ao servizo de ambulancias en Marín e aos argumentos esgrimidos para eliminar a quenda nocturna de doce horas.
Polo todo o anteriormente exposto solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción dos  seguintes acordos:
1.- O Pleno da Corporación convocará unha concentración para reclamar da Consellería de Sanidade o mantemento do  servizo de ambulancias durante 24 horas tal e como está na actualidade.
2.- Solicitar a inmediata dimisión da Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, por ser a responsable directa da eliminación  do servizo de  ambulancia de soporte vital básico para Marín.

Os/as portavoces dos grupos municipais  do PSOE,  BNG  e  MAR-IN,



Marín, 6  de setembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario