viernes, 16 de septiembre de 2011

Manifesto 16/09/11

Manifesto en defensa da sanidade pública e do servizo de ambulancias 24 horas en Marín

Veciños e veciñas de Marín e doutras localidades que hoxe nos acompañades,

A Xunta de Galiza ven de reducir o servizo de ambulancia en Marín de 24 a 12 horas. Dende o pasado día 10 só temos ambulancia dende as 10 da mañá ate as  10 da noite.
Esta parece ser a primeira das  medidas contra o transporte sanitario utilizando como escusa a crise económica, pois como quedou reflectido no decreto aprobado hai uns meses,  a Xunta de Galiza pretende seguir coa supresión de bases do 061 comezando pola quenda de noite como no caso de Marín.

As pretensións da Xunta de Galicia, son de facer recortes en materia de transporte, con grave prexuízo para os usuarios na calidade e cantidade de prestación do servizo.
Estes recortes tradúcense en que o servizo de ambulancia pasará a ser de pago, os doentes que necesiten diálise ou rehabilitación trasladaranse en autobuses do 065 sen persoal formado para este traballo, as ambulancias medicalizadas, que hoxe contan con catro asistentes, pasarán a ter tres, as ambulancias sanitarizadas quedarán sen técnico, e, en definitiva Galiza converterase na comunidade máis precaria en transporte sanitario de todo o Estado, porque irá desaparecendo o transporte sanitario universal.



A supresión da ambulancia en Marín implica maior  dificultade de localizar as emerxencias nas parroquias  rural e  un incremento do tempo de resposta. Dende o día 10 dependemos exclusivamente  das ambulancias de Bueu ou de Pontevedra durante 12 horas e estas asisten a Marín sempre e cando non estean atendendo as súas zonas.
Ironicamente esta decisión englobase dentro do chamado “Plan de Mellora” na rede de transporte sanitario urxente que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza está á aplicar, pero os recortes anunciados pola Xunta de Galiza, empeoran o servizo que nin  sequera  cumpre coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde que aconsella unha ambulancia de "Soporte Vital Básico" por cada 25.000 habitantes.
Levamos tempo  asistindo a unha campaña de intoxicación sobre a suposta inestabilidade da sanidade pública co obxectivo de privatizar os sectores máis rendibles. Menten, a sanidade é sostible; en Galiza o problema é o recorte orzamentario da Xunta e a privatización  servizos públicos.
O gasto sanitario en 2010 diminuíu nun 3,3% respecto de 2009 e que no vai de 2011 xa se recortaron os orzamentos en 950 millóns de euros, un 8,6% menos respecto de 2010.
A media de gasto en sanidade no conxunto do Estado é de 1.288 euros por persoa e ano. Non existe ningún tipo de seguro que, coa calidade e a excelencia profesional que temos, sexa capaz de prover asistencia sanitaria por ese prezo.
Canto nos custaría un seguro privado que cubrise todas as continxencias que cobre o sistema público de saúde? Canto diñeiro tería que ter aforrado unha familia na conta bancaria para facer fronte a un problema de enfermidade?. A saúde non ten prezo e a sanidade non é un negocio.
Rexeitamos a actitude da Xunta de Galiza e do señor Feijoó quen, coa desculpa da austeridade está a cargarse a sanidade pública mentres mantén gastos superfluos como os coches oficiais e a publicidade da Xunta.
A Sanidade Pública págase cos nosos impostos  e o Goberno é quen ten que  xestionalos.  Os cidadáns non somos culpables da crise e non renunciaremos a unha atención sanitaria de calidade que nos levou moitos anos e esforzo conseguir.
Todos e todas os hoxe aquí reunidos queremos manifestar:
-         Señora Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas:
-         Rexeitamos  ás medidas tomadas pola Consellería de Sanidade con respecto ao servizo de ambulancias en Marín e os argumentos esgrimidos para eliminar a quenda nocturna de doce horas.
-          Recortar o servizo de ambulancia en Marín durante 12 horas non é mellorar o servizo.
-         Non estamos dispostos a cambiar ambulancia por datosNon estamos dispostos a cambiar ambulancia por datos.
-         A Sanidade non ter que ser rendible, como predican dende a Xunta, senón eficaz, e é imposible que funcione mellor con menos ambulancias que con máis.
-         Nunha administración pública sobra onde aforrar sen ter que deixar a Marín sen ambulancia.-         Non queremos esperar a que pase algo, a ter que enfrontarnos a noticia de que a ambulancia non chegou a tempo, como xa está pasando noutros sitios.
E por último non renunciamos a seguir loitando por unha sanidade pública de calidade e pola permanencia do servizo de ambulancia 24 horas para Marín.
Marín necesita un  servizo de ambulancia as 24 horas, tanto polo seu número de habitantes, como pola gran cantidade de parroquias esparexidas por todo o municipio. Toda a poboación  fai unha gran demanda deste servizo que ano tras ano aumenta, quedando reflectido no volume de traballo desta ambulancia,  que no ano 2010 chegou a realizar  un total de 2350 urxencias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario